domingo, 15 de marzo de 2009

Óbito

Sabía que o tiña que facer. Xa estaba farto. Farto de que a xente non puidese matinar en que el non era máis ca unha víctima. Un refén engaiolado eternamente no cárcere do riso. Condenado a vivir nun permanente estado de relouco, namentres a súa alma salouqueira arelaba un sitio no sétimo ceo, lonxe da ledicia cruel e desapiadada dos seus supostos amigos.

Todos eses rapaces... Non os podía aturar máis. Sentíase utilizado, coma se o mundo enteiro lle esixise o se limitar a face-lo seu traballo, agochando os seus beizos cunha buceira. Seica non tiña dereito a ser unha persoa seria. Ser pallaso fora a súa vocación. Mais, trala morte do seu irmán, o fastío consumírao inexorablemente ata o punto de desexa-la morte. A saudade era a peor enfermidade para os vasalos do histrionismo. Non podía cangar co feito de ter unha dobre vida, xa nada tiña sentido para el.

Nas últimas horas da súa vida procurou lembrar todo o feliz que fora xacando. Colleu a moto, e foi goza-lo seu último serán, no máis acolledor dos cantís. As andoriñas emprendían a súa longa peregrinaxe, mentres o mar acollía nos seus brazos ó máis triste dos pierrots.

No hay comentarios:

Publicar un comentario