domingo, 22 de febrero de 2009

O tren da vida

-¡Ai que cousiña máis linda! ¿Canto queres á túa nai? ¿Moito? ¿Quérela moito, non si? ¡Ai, que bonitiño es! (o neno comeza a chorar). ¡Non chores ho, non chores...!

O neno, somerxido nun profundo estado hipnótico, fitaba a pantalla e guiaba os designios do bonequiño con gran habilidade. Ó seu carón, o xogador impaciente cruzaba os dedos para desexa-la súa derrota: «Morre xa, morre xa... ¡Carallo, aí tivo sorte! ¡Vaites, non che hai forma...!

«¡Que guapa é! ¡E o lerchán do noivo que non lle fai caso! ¡Había ser eu! Danme ganas de bicala agora mesmo... ¡Boh, mira que son parvo, ocórreseme cada cousa...! Parece que xa esperta...».
-Que guapa estás cando dormes, Rosa...
-Gracias Serxio -di a rapaza sorrindo cos ollos medio pechados.

O Sr. García acende o ordenador e argalla nas contas da empresa. Tiña que presenta-los presupostos na xunta do vindeiro luns, e aínda tiña moito traballo por facer. Segundo os seus cálculos, o superávit da empresa no presente exercicio fora máis que satisfactorio, e a facturación era das máis altas nos últimos anos. Se cadra os empregados aproveitarían a ocasión para suxerirlle un aumento salarial.
«Estes voitres sempre andan ó que lles interesa -cavilou o xefe.»

-¡Está quedo Alexaaandreee! ¡Deixa de amolar á señora, que quere durmir! Anda, vén canda min... Cando cheguemos cómproche un Pikachu deses se te portas ben.
-Pero ten que soltar descargas eléctricas, ¿vale papi? -di o neno achegándose ó pai.
-Si, si. E se non solta botámoslle o micho e xa verás como bota unhas faíscas de aquí a mañá. Namentres dorme un pouquiño anda... -dille o pai ó neno, que senta no asento e comeza a cerra-los ollos.



Dende o banco máis afastado da estación, Xurxo ollaba coa súa engurrada faciana os trens, que semellaban incrementa-la súa velocidade cando pasaban por diante del. A xente fitáballe con altiveza dende os seus asentos, porque eles aínda pertencían ó mundo real, ó mundo activo que sobrevive e abandona ós que xa non son útiles. Xurxo lembraba tempos pasados e víase reflectido en cada un dos mozos e señores que esculcaba coa mirada. O vello Xurxo era aquel bebé inquedo no colo da súa nai, era o neno que trocaba a consola pola buxaina, era aquel rapaz que lle facía as beiras á moza dos seus soños, era aquel esvelto e garrido empresario que traballa cando todos descansan, era aquel pai de familia respectado e serio, mais agarimoso, que aloumiña ó seu pequeno, aquel era Xurxo.

Agora non podía cambiar nada, xa non era quen de arranxa-los erros que cometera na súa vida, gravados na fría e húmida lousa, o único que ficaría canda el cando caese a longa e escura noite de pedra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario